O docente e investigador do Departamento de Tradución e Lingüística da UVigo, Pablo Romero Fresco, foi galardoado co Jan Ivarsson Award, o premio máis importante do mundo no campo da tradución audiovisual e accesibilidade. O recoñecemento, que se entrega cada dous anos pola European Association for Studies in Screen Translation (ESIST), foi outorgado durante o congreso Languages and the Media, celebrado en Londres.
Romero, de 45 anos, cualificou a elección como unha "sorpresa", xa que os anteriores premiados adoitan ser profesionais ao final da súa carreira. "Non o esperaba porque os membros da asociación poden votar a quen consideren e porque as e os anteriores premiados son persoas que están ao final da súa carreira e nalgúns casos xa xubilados", explicou. Agradeceu a elección, destacando que o seu traballo en cine accesible "sentou as bases para avanzar neste campo e que tivo un impacto moi positivo na sociedade".
O Jan Ivarsson Award recoñece a súa traxectoria, iniciada cunha tese sobre a naturalidade na dobraxe, que buscaba mellorar o mundo da tradución audiovisual e a accesibilidade. Destácase tamén o seu traballo na creación dun novo xeito de subtitulado en directo, a formación de profesionais, a invención dun método para avaliar a calidade dos subtítulos utilizado por empresas e gobernos, e a dirección do principal mestrado mundial en tradución audiovisual.
A ESIST sinala que a "última paixón" de Romero é traballar para que o mundo da accesibilidade sexa verdadeiramente inclusivo, permitindo que as persoas con discapacidade dirixan este campo e tomen decisións sobre o que lles afecta. "Ninguén no mundo se merece máis este premio", afirma a asociación.
Romero destacou a "ausencia de ambición persoal" no seu sector, enfocada en "que o que estamos a facer é polos outros, por xente con discapacidade para que poidan acceder á cultura e ao audiovisual dun xeito equitativo". Actualmente, traballa coa Academia de Cine na formación de profesionais con discapacidade e nunha microcredencial de coordinación de acceso. Tamén está a desenvolver un software con intelixencia artificial para avaliar a calidade do subtitulado en directo, que se presentará en xuño.




