A Xunta de Galicia impulsa estes galardóns que recoñecen aos deportistas, equipos, entidades e profesionais máis destacados do deporte galego durante o pasado ano 2025. As distincións abranguen desde os resultados de alto nivel ata a promoción do deporte de base, a inclusión e o fomento da actividade física e dos hábitos de vida activa.
Na categoría de mellor deportista feminina, o premio recae na atleta Ana Peleteiro, mentres que na masculina o galardón é para o piragüista Jaime Duro. En deportistas con discapacidade, Susana Rodríguez Gacio (triatleta) e Nicolás Martínez (piragüista) serán recoñecidos, e o equipo genuine do Racing Club Villalbés recibirá unha distinción especial.
Como mellores deportistas revelación, a baloncestista Inés Sotelo e o piloto de automobilismo Christian Costoya serán premiados. En canto aos equipos, o Club Balonmán Porriño será distinguido como mellor equipo feminino e o Real Club Celta de Vigo como mellor equipo masculino.
Outros recoñecementos inclúen ao mellor adestrador/a Claudio Giráldez, á xuíz de ximnasia Zeltia García como mellor árbitra/xuíza, ao comunicador Terio Carrera polo seu labor informativo, á proba ciclista O Gran Camiño como mellor evento deportivo, a Pescamar en patrocinio deportivo, a Martín Jácome e á Federación Galega de Balonmán en xogo limpo, e á Agrupación Deportiva Baixo Miño na promoción do deporte base.
Ademais, os Premios Galicia Saudable distinguirán ao Concello de Pastoriza (escolas deportivas municipais), á asociación Bolboretas A Coruña Dragon Boat BCS e ao CPI Dr López Suárez de Friol polo seu labor na promoción da actividade física e hábitos de vida activa.




