A Universidade de Vigo conmemora unha década da creación do seu Observatorio de Persoas Tituladas, unha iniciativa que se consolidou como a única no Sistema Universitario de Galicia (SUG) en manter actualizada a información sobre os seus egresados. Ata a data, o observatorio rexistra 25.458 antigos alumnos e alumnas e elaborou 22 informes sobre a inserción laboral e a satisfacción académica.
A necesidade de facer un seguimento periódico da empregabilidade dos titulados foi o motor principal para a posta en marcha deste observatorio, inicialmente denominado de Egresados. A súa aprobación formal tivo lugar o 3 de febreiro de 2016 pola Comisión de Actividades e Servizos do Consello Social, sendo ratificada polo Pleno dous meses despois. O ex reitor Luis Espada Recarey, quen dirixe o observatorio desde a súa creación, destaca que "a Universidade non se limita a formar profesionais, senón que segue interesada pola súa experiencia laboral e usa esa información para seguir mellorando". A asistencia técnica de Víctor Manuel Martínez Cacharrón, analista de datos, foi fundamental neste proceso.
O directorio do Observatorio, que se actualiza constantemente, inclúe persoas graduadas de todas as promocións desde a fundación da UVigo e ten presenza en 78 países. Ao longo destes dez anos, elaboráronse informes periódicos de seguimento da empregabilidade en estudos oficiais, así como macroestudos de gran envergadura. Entre eles, destaca o informe sobre as primeiras 25 promocións (1990-2015), estudos sobre o impacto da pandemia (2020-2022), un específico de doutoramento (1995-2020) e o máis recente sobre a inserción laboral das 35 promocións (1990-2024).
Luis Espada sinala o macroestudo sobre a inserción laboral entre 1990 e 2024 como unha das maiores satisfaccións, xa que constata que os egresados da UVigo superan as medias de empregabilidade galegas, españolas e europeas. O último informe publicado, realizado en 2024 co apoio do Consello Social, céntrase nos resultados do curso 2021/2022 para graos, mestrados e doutoramento.
Espada valora que o Observatorio cumpriu os seus obxectivos fundacionais, proporcionando datos fiables e mantendo o vínculo coa universidade. Non obstante, identifica como retos de futuro "ter ampliado aínda máis a taxa de resposta das enquisas; reforzar o contacto con determinados colectivos máis difíciles de localizar e ter máis recursos para afondar en análises cualitativas ou estudos sectoriais por titulación". Víctor Martínez Cacharrón engade a necesidade de mellorar a calidade e periodicidade dos estudos, potenciar a base de datos e a presenza en redes, así como incorporar novas liñas de análise como competencias profesionais ou emprendemento.
Unha das anécdotas destacadas é a creación dun "corpo diplomático informal da UVigo" con 55 egresados durante a pandemia, que puxo de manifesto a dimensión internacional da universidade e a "forza do sentimento de pertenza e solidariedade da comunidade alumni", segundo explica Espada.
O perfil dos egresados da UVigo caracterízase por unha alta empregabilidade (un 91,9% de taxa de ocupación, superior ás medias), boa adecuación entre formación e emprego, e un elevado grao de satisfacción coa experiencia académica. Aínda que manteñen unha forte presenza en Galicia, tamén presentan notable mobilidade internacional. Son profesionais versátiles que contribúen ao progreso social e económico, demostrando que "estudar na Universidade de Vigo recompensa, tanto a nivel profesional como persoal", afirma Luis Espada.




