A Sala do Social do Tribunal Supremo inadmtiu o recurso presentado pola empresa automobilística Stellantis contra a sentenza previa que cualificou de discriminatorio o método de cálculo dunha parte da paga variable para os empregados da planta de Vigo cando están de baixa por enfermidade común.
Esta decisión, formalizada o pasado 27 de maio, fai firme a resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que á súa vez avalara o fallo inicial do Xulgado do Social número 2 de Vigo.
O conflito orixinouse a raíz do acordo regulador da retribución variable «Profit Sharing», asinado o 28 de novembro de 2023 entre a dirección de Stellantis e os sindicatos CCOO, UGT e SIT. O acordo contemplaba a reposición do salario teórico en casos como accidentes laborais ou permisos por coidado de menor, pero excluía as baixas por enfermidade común para o cálculo da paga variable individual.
A demanda, interposta pola CUT a través dun procedemento de conflito colectivo, sostiña que esta diferenza de trato supoñía unha discriminación directa por razón de enfermidade. O Xulgado do Social número 2 de Vigo, na súa sentenza de decembro de 2024, deu a razón á CUT, considerando aplicable a Lei 15/2022 de igualdade de trato e non discriminación.
O maxistrado sinalou que non existía xustificación obxectiva e razoable para excluír as baixas por enfermidade común mentres se protexían outras situacións de suspensión da actividade laboral. Como consecuencia, declaráronse contrarias á lexislación as previsións do acordo e condenouse a Stellantis e aos sindicatos asinantes a asumir as responsabilidades económicas derivadas.
A empresa recorreu ao Tribunal Supremo buscando a unificación de doutrina, pero a Sala do Social inadmtiu o recurso ao apreciar diferenzas substanciais co caso de referencia. O Supremo destacou que o procedemento galego era un conflito colectivo e se enmarcaba na aplicación da Lei 15/2022, circunstancias que non confluían na resolución achegada pola empresa.
A providencia do Supremo conclúe coa inadmisión do recurso, declarando firme a sentenza recorrrida e sen posibilidade de máis apelacións.




