Desde hoxe, as persoas que desexen iniciar o seu percorrido polo Camiño Portugués a Santiago poderán adquirir no municipio as credenciais oficiais necesarias para realizar a ruta xacobea. Estas credenciais estarán dispoñibles na oficina de VIDE, situada na rúa Ramón González.
Esta iniciativa busca facilitar que os milleiros de peregrinos que cada ano escollen O Porriño como punto de partida poidan iniciar a súa experiencia coa documentación requirida para obter posteriormente a Compostela. O Concello agradece a colaboración do párroco de Santa María do Porriño, Don Ángel, para a posta en marcha deste servizo.
Coa incorporación deste punto de expedición, mellórase a atención aos peregrinos e refórzase a imaxe do municipio como unha das principais portas de entrada ao Camiño Portugués, unha ruta que continúa consolidándose e que en 2025 rexistrou 100.831 peregrinos, 3.646 dos cales iniciaron o seu percorrido no Porriño.
Cada credencial entregarase cun estuche conmemorativo cos símbolos oficiais do Camiño de Santiago, xunto cunha mensaxe de benvida. O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que O Porriño é un punto de partida elixido por milleiros de peregrinos e subliñou a vontade de ofrecer unha experiencia inicial "da mellor maneira posible".
A concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, sinalou que esta medida responde a unha demanda necesaria para mellorar os servizos turísticos, recalcou que "O Porriño é Camiño, pero tamén é destino" e que o Concello continúa reforzando a atención ás persoas peregrinas e a promoción do Camiño Portugués.




