A festividade estenderase por todo o termo municipal grazas á implicación do tecido asociativo, que impulsará cacharelas tanto no centro urbano como nas parroquias. En total, haberá dez fogueiras públicas promovidas por asociacións veciñais e culturais, como a Asociación de Veciños San Benito e San Sebastián, a Asociación Cultural A Forna, a Sociedade Cultural Recreativa Mosteiro Budiño, entre outras.
Estas celebracións combinarán o lume coa gastronomía e a tradición, mantendo vivo o espírito do "Meigas fóra!". O obxectivo é que a noite sexa unha celebración estendida por todo o municipio.
O Concello lembra que todas as fogueiras autorizadas deben cumprir as normas de seguridade establecidas no bando municipal. Entre as medidas principais, destácase que deberán situarse en espazos despexados, a unha distancia mínima de 15 metros de vivendas ou árbores, e non poderán superar os catro metros de diámetro nin os dous metros de altura. Só se permitirá o uso de madeira natural, prohibíndose materiais contaminantes.
“"Queremos que sexa unha noite máxica, pero primando sempre a seguridade."
O dispositivo municipal para a noite contará coa coordinación da Policía Local, Protección Civil e outros servizos municipais. O concelleiro de Seguridade, Abel Estévez, explicou que o obxectivo é garantir o desenvolvemento organizado e seguro da celebración en todo o municipio.




