Este evento preséntase como unha proposta innovadora que vai máis alá das feiras de emprego tradicionais, apostando por formatos dinámicos e directos que favorecen o contacto real entre candidatos e empresas. O obxectivo principal é conectar o talento local coas oportunidades laborais existentes na comarca.
Unha das principais novidades será o “Talent Pitch”, un formato no que os candidatos disporán de dous minutos para presentar as súas habilidades ante un xurado. Baixo o lema “O teu talento en dous minutos”, os participantes poderán enviar previamente os seus currículos e, tras unha primeira selección, os tres mellores accederán directamente a unha entrevista coa entidade financeira Abanca, que acudirá ao foro cunha oferta de emprego concreta. Ademais, outros perfís destacados poderán continuar no proceso de selección, o que converte esta actividade nunha oportunidade real de acceso ao mercado laboral.
O foro contará tamén cun “Talent Hub”, un espazo que facilitará o contacto directo entre candidatos e empresas con procesos de selección abertos. Máis de medio cento de compañías participarán no evento, moitas delas con necesidades de contratación inmediatas. Os asistentes poderán acceder a entrevistas persoais mediante cita previa, que se xestionará desde o stand de Porremprego. Para axilizar o proceso, non se recollerán currículos en papel, xa que cada empresa disporá de códigos QR para o envío dixital.
O evento incluirá unha zona específica de networking orientada a xerar contactos e detectar oportunidades profesionais, así como talleres prácticos sobre motivación e habilidades para a busca de emprego. Tamén se celebrará un “foro de experiencias” con conferencias de profesionais do ámbito empresarial que compartirán claves e aprendizaxes sobre o éxito profesional. Aínda que os nomes dos ponentes non foron desvelados, o Concello avanzou que se trata de perfís de recoñecido prestixio. Entre as actividades previstas figuran tamén charlas sobre a oferta formativa da Universidade de Vigo e a participación de centros de Formación Profesional e escolas de negocios.
O foro está dirixido tanto a persoas en busca activa de emprego como a estudantes de ESO, Bacharelato e Formación Profesional, co obxectivo de achegar o ámbito educativo ao mercado laboral real. Desde a organización destacan a importancia deste tipo de iniciativas para reducir a distancia entre a formación académica e as demandas empresariais, poñendo o foco en competencias clave como a comunicación ou a resiliencia.
O alcalde subliñou durante a presentación a aposta do Concello polo emprego, o emprendemento e o fortalecemento do tecido empresarial, destacando que o municipio conta cun dos PIB máis elevados de Galicia, máis de 2.200 empresas e 3,5 millóns de metros cadrados de solo industrial.




