A cadea Sinergym está a ultimar os preparativos para a posta en marcha do antigo ximnasio do Areal, que prevé reabrir as súas portas ao longo deste mes de agosto. Este espazo deportivo, que foi unha referencia para varias xeracións de vigueses durante máis de trinta anos, cesou a súa actividade en novembro de 2023, permanecendo pechado dende entón.
A reapertura viuse atrasada por cuestións administrativas e urbanísticas. O proxecto estivo paralizado mentres a empresa completaba os trámites necesarios co Concello de Vigo. Unha vez obtido o visto e prace da Concellaría de Urbanismo, a compañía acelerou as adaptacións do espazo ao seu modelo de negocio.
A elección de agosto como mes de reapertura é estratéxica, xa que coincide coas semanas previas ao final das vacacións de verán, un período no que adoita rexistrarse un aumento de novas altas coa volta á rutina.
A reapertura supón a recuperación dunha instalación que marcou unha época na oferta deportiva viguesa.
Nos seus anos de maior esplendor, o Coliseum chegou a ter preto de 2.000 socios, consolidándose como un dos ximnasios máis populares da cidade. Aínda que na recta final a cifra de abonados diminuíra ata os 700 usuarios, o centro mantiña unha importante base de clientes e unha localización privilexiada.




