Segundo os nacionalistas, esta situación é especialmente grave porque a unidade afectada é a responsable da atención a veciños de varias parroquias de Redondela. O grupo municipal considera que este feito é unha clara mostra da "deriva do goberno municipal" liderado por Digna Rivas.
“"Realizamos esta denuncia pública porque estamos ante un claro exemplo de falla de planificación por parte do goberno municipal."
O voceiro do BNG, Xoán Carlos González, explicou que a precariedade xorde da incapacidade do goberno local para anticiparse á baixa da traballadora e ter unha lista de substitución actualizada. Subliñou que a alcaldesa, Digna Rivas, non adoptou as medidas necesarias para garantir a continuidade dun servizo tan fundamental como os servizos sociais.
Esta deficiencia está a provocar que moitas persoas, especialmente as máis vulnerables, queden sen a atención necesaria. González sinalou que familias con dificultades económicas, persoas maiores e veciños que precisan apoio e asesoramento non están a recibir a axuda que lles corresponde. Ademais, estanse a atrasar trámites e axudas básicas, complicando aínda máis situacións xa de por si delicadas.
O BNG insiste en que este non é un incidente illado, senón un síntoma da falta de planificación e xestión do goberno municipal. Esixen unha actuación inmediata para cubrir a praza vacante e implementar medidas que eviten que unha situación similar se repita no futuro. Xoán Carlos González lamentou ter que levar esta denuncia aos medios, afirmando que calar os faría "cómplices" e que o seu compromiso é cos veciños de Chapela.




