Novo modelo conceptual revela a complexidade da dinámica do fitoplancto nas Rías Baixas

Un estudo do IEO-CSIC e a Universidade de Vigo propón un enfoque innovador para entender a sucesión de especies en profundidade.

Imaxe xenérica de células de fitoplancto vistas a través dun microscopio.
IA

Imaxe xenérica de células de fitoplancto vistas a través dun microscopio.

Un equipo do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO-CSIC, en colaboración coa Universidade de Vigo, desenvolveu un modelo conceptual que mellora a comprensión do comportamento e a sucesión das comunidades de fitoplancto nas Rías Baixas.

Ata o de agora, os estudos sobre a sucesión estacional do fitoplancto nas Rías Baixas consideraban os cambios de forma homoxénea en toda a columna de auga. Este novo enfoque, baseado en observacións de alta resolución espacial e temporal, demostra que a dinámica do fitoplancto é moito máis complexa e variable, tanto no tempo como en profundidade. Esta complexidade é especialmente evidente en resposta aos pulsos de afloramento costeiro, asociados ao réxime de vento característico da zona.
Durante a primavera e o verán, o incremento da radiación solar favorece a estratificación da columna de auga. Nestas condicións, establécese unha circulación en dúas capas entre a ría e as augas de mar aberto, forzada polo vento: unha superficial e outra de fondo, que circulan en direccións opostas e están separadas por unha capa intermedia con características propias. Os cambios na dirección dos ventos dominantes alteran este fráxil equilibrio dinámico entre especies, podendo provocar unha nova sucesión.
O estudo, publicado na revista Progress in Oceanography, analiza as comunidades de fitoplancto por capas de profundidade, revelando que distintas comunidades poden coexistir simultaneamente en diferentes niveis da columna de auga. Os autores propoñen unha nova hipótese que describe unha forte conectividade entre tres capas principais —superficial, intermedia e profunda—, cuxa interacción está directamente condicionada polos episodios de afloramento. Durante estes eventos, establécese un sistema de circulación vertical que funciona como unha cinta transportadora, movendo organismos entre capas.
Na capa intermedia fórmase un máximo subsuperficial de clorofila que actúa como un reservorio ou “banco de sementes” de especies de fitoplancto. Dende esta zona, as especies poden ser transportadas cara á superficie ou cara ao fondo, favorecendo o intercambio continuo entre comunidades. Por este motivo, os ecólogos identifican esta capa intermedia como unha capa ‘hub’, un punto central de conexión que regula a distribución e sucesión das especies en toda a columna de auga. As observacións proveñen das mostraxes específicas deseñadas no marco do proxecto REMEDIOS e incluíron unha vixilancia semanal estacional.

"A variación espazo-temporal das comunidades de fitoplancto e das estratexias adaptativas das especies que as integran é esencial para comprender o funcionamento dos ecosistemas mariños e anticipar os cambios nos bens e servizos que prestan á sociedade, especialmente nun contexto de fitoplancto tóxico, cambio climático, sobreexplotación de recursos e contaminación."

Esther Velasco Senovilla · Autora do traballo
A investigadora, cuxa tese doutoral motivou esta investigación, subliña a importancia de anticipar que especies serán as “gañadoras” e cales as “perdedoras” na dinámica competitiva de axuste ás condicións ambientais cambiantes.