Estas son as dúas primeiras promocións que se sortean das 15 que a Xunta ten actualmente en construción na zona de Navia. O día 4 de decembro sortearanse as 38 vivendas da parcela MIVA 10, e o día 18, outras 18 vivendas da parcela MIVA 9. Ambos os sorteos celebraranse ante notario na sede da Delegación Territorial da Xunta en Vigo.
As vivendas contan con 2 e 3 dormitorios na primeira promoción, e 2, 3 e 4 estancias na segunda. En ambos casos, reservarase un cupo do 40% para persoas menores de 36 anos, segundo informou a Xunta.
Para poder optar a estas vivendas en alugueiro, os solicitantes deben estar inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda para o concello de Vigo como municipio preferente, residir ou traballar neste concello, carecer de vivenda en propiedade e acreditar ingresos ponderados de entre 0,7 e 4 veces o IPREM (ou 4,5 veces para familias numerosas).




