A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou este martes os traballos que comezaron na estrada PO-403, en Salvaterra de Miño. Estas actuacións forman parte dun plan da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, executado pola Axencia Galega de Infraestruturas, cun orzamento total de 2.926.775,38€. O obxectivo é renovar o asfaltado en sete estradas autonómicas ao seu paso por Vigo e outros tres municipios da comarca: Redondela, Nigrán e Salvaterra do Miño.
Segundo explicou a representante territorial, o plan busca mellorar as características funcionais e reforzar a seguridade viaria en distintos treitos das estradas autonómicas PO-010, PO-330, PO-323, PO-324, PO-325, PO-371 e PO-403.
Os traballos, adxudicados á empresa Marconsa, Movimiento de Aridos y Construcciones de Arosa, S.L., consistirán na rehabilitación superficial do firme, restaurando as características do pavimento e adecuando as súas necesidades funcionais e de durabilidade.
As obras abranguerán preto de 14,7 quilómetros de lonxitude e terán un prazo de execución de oito meses. Non son necesarias expropiacións de terreos, xa que as actuacións realízanse dentro da franxa de dominio público da Xunta.
A Xunta reafirma o seu compromiso coa mellora da rede viaria autonómica, buscando un menor custo de mantemento a longo prazo e unha maior seguridade para os usuarios.




