A Universidade de Vigo (UVigo) presenta a súa oferta académica na feira Edugal, que ten lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra entre este mércores e venres. No espazo da institución académica, os futuros estudantes poderán obter información sobre as diferentes titulacións e coñecer os estudos e iniciativas de 23 facultades e escolas dos tres campus.
A vicerreitora de Estudantes e Vida Universitaria, Dolores González, destacou que a captación de novo estudantado é unha prioridade e que nesta edición de Edugal estanse a dar novos pasos para reforzar a presenza en feiras educativas cunha imaxe institucional común e maior coordinación entre os campus. O obxectivo é chegar a máis estudantes e axudalos na elección do seu futuro universitario.
A vicerreitora do campus de Pontevedra, Marián Fernández, sinalou que Edugal é unha oportunidade para achegar a UVigo ao alumnado de ensino secundario e ás súas familias, resolver dúbidas e acompañalos nun momento decisivo. Tamén destacou que o salón, que reúne 64 institucións educativas, permite "pór en valor" o campus de Pontevedra, que reforza a súa identidade arredor da creatividade e a innovación sostible a través do Campus Crea.
A UVigo articula a súa presenza cun único stand que inclúe un posto de información xeral e espazos onde representantes de 23 facultades e escolas presentarán os seus estudos. Na mañá deste mércores, os visitantes puideron coñecer as titulacións das facultades de Belas Artes, Historia e Comunicación, e das escolas de Enxeñería de Minas e Enerxía, Enxeñería Informática e Enxeñería Industrial. Tamén se mostraron exemplos do labor dos centros, como traballos de cerámica e gravado de Belas Artes, e informouse sobre iniciativas como o concurso de fotografía Enfoca.RME da EE de Minas e Enerxía.




