A OEP do PTXAS, aprobada por asentimento, inclúe 24 prazas de acceso libre e 12 de promoción interna, ás que se suman sete prazas derivadas de sentenzas xudiciais. A xerenta da UVigo, Ana Comesaña, destacou que esta oferta foi resultado dun acordo unánime coa Xunta de Persoal e inclúe, por primeira vez, unha praza para persoas con discapacidade intelectual. Comesaña apuntou que a intención é convocar as prazas de 2025, 2026 e 2027, o que sumaría arredor de 78 prazas e permitiría unha estabilización case completa do cadro de persoal.
No ámbito do PDI, a oferta de 2026 contempla 44 prazas de profesor permanente laboral, 30 de profesor titular de universidade e 13 para a incorporación de persoal investigador con certificado R3 ou avaliación I3 superada. A vicerreitora de Persoal Docente e Investigador, Rebeca Díaz, explicou que sete destas prazas están destinadas a persoas con discapacidade e que a oferta ten un prazo legal de execución de tres anos. Díaz sinalou que a previsión é reforzar especialmente a docencia no vindeiro 2027 para cubrir xubilacións e necesidades departamentais.
“"Esta oferta foi froito da negociación e acordo unánime coa Xunta de Persoal"
O órgano de goberno tamén deu luz verde ás declaracións de interese de cinco novos graos e catro mestrados para o curso 2028/2029. Entre os graos destaca o Joint Bachelor in Marketing, Communication and Digital Strategies, coordinado pola Universidade Técnica de Porto e coa participación da UVigo, así como catro títulos propostos polo centro universitario Euses Vigo: Deseño e Arte para Videoxogos, Produción de Música e Son para a Industria do Entretemento, Psicoloxía e Xestión Deportiva. A proposta destes títulos foi aprobada por maioría, con 28 votos a favor, 9 abstencións e un voto en contra.
Os novos mestrados aprobados inclúen o Máster en Gender on Digital e o Máster en Intertwined Humanities and Technology, ambos coordinados pola UVigo e vinculados á rede Athena, así como o Máster en Seguridade Global: Océanos e Espazos Estratéxicos e o Máster en Enxeñaría de Montes. Ademais, aprobáronse modificacións substanciais en vintena de titulacións para adaptalas á normativa vixente.
O Consello aprobou tamén as bases do Programa de retención de talento investigador 2026, que contempla catro contratos de tres anos, e as Axudas para a contratación de persoal investigador predoutoral, que inclúe dez contratos. A vicerreitora Rebeca Díaz explicou que estas axudas buscan equilibrar o reparto entre os catro ámbitos de coñecemento e potenciar as áreas con máis necesidades docentes. Finalmente, aprobouse a creación de tres novas spin-offs: EdgeContinuum, Benjamin Mytilus e Qlave Security.




