A xornada final de transferencia, celebrada na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, reuniu ás entidades participantes e representantes da cadea de valor para debater sobre as oportunidades do sector. O proxecto, desenvolvido desde 2024, ten como obxectivo traducir a calidade da resina natural nun maior valor comercial e mellorar a rendibilidade da súa extracción.
Os resultados do proxecto evidencian as posibilidades de desenvolver produtos máis elaborados a partir da resina galega e ampliar a súa presenza en mercados especializados. Unha das conclusións principais é a confirmación das vantaxes técnicas da extracción mecanizada en envase pechado fronte aos sistemas tradicionais de recollida en pote aberto.
No ámbito industrial, Xagoaza Pinaster, en coordinación con Foresin e co apoio de Cetemas, desenvolveu un proceso de optimización da destilación da resina. Paralelamente, a empresa Glecex obtivo tres lotes piloto de extractos de resina con actividade antioxidante in vitro, abrindo unha liña de desenvolvemento para a industria cosmética.
O proxecto tamén destacou a utilidade da colofonia natural como axente endurecedor na elaboración de xabóns. Un estudo de segmentación realizado por Foresin indicou que existe interese industrial polos derivados da resina, aínda que o sobreprezo que os compradores están dispostos a asumir é limitado, situándose maioritariamente ata o 5%.
Como resposta aos desafíos do sector, a Universidade de Vigo e os axentes do sector deseñaron modelos de negocio e formularon unha proposta de creación da marca colectiva Resina Galega de Calidade. Este instrumento busca reunir aos diferentes axentes da cadea de valor baixo criterios compartidos de orixe, trazabilidade e calidade.
Os socios do proxecto sinalan que a dispoñibilidade de materia prima é un desafío fundamental. A superficie repoboada representa apenas o 7,5% da superficie potencialmente resinable, unha situación que compromete a continuidade do aproveitamento xunto cos problemas fitosanitarios e as dificultades de relevo xeracional.




