As xornadas centran o seu debate en cuestións de interese xeral para a cidadanía, como a medición do benestar das sociedades, os modelos de redistribución da riqueza e os sistemas electorais democráticos. O encontro, cun enfoque multidisciplinar que combina principalmente economía, matemáticas e ciencia política, servirá para poñer en común os últimos avances na investigación básica, metodolóxica e teórica do persoal investigador.
O vicerreitor de Estratexia, Gobernanza e Economía da UVigo, Xosé H. Vázquez, salientou na inauguración a relevancia da investigación académica en ciencias sociais. «A sociedade necesita do noso traballo, e por iso é importante que atopemos as fórmulas para lexitimar debidamente o que facemos», afirmou. Neste sentido, explicou que traballos de simulación e comparación con outros modelos, como a Lei D'Hont, amplamente cuestionada pola súa falta de proporcionalidade, explican a importancia das metodoloxías da elección social.
“"A sociedade necesita do noso traballo, e por iso é importante que atopemos as fórmulas para lexitimar debidamente o que facemos"
Os principios que guían o traballo da REES e o programa do simposio son avanzar en aras de lograr unha maior xustiza social, equidade e eficiencia na xestión dos recursos públicos. A comunidade investigadora en elección social afondará nos traballos máis recentes en modelos que buscan repartir beneficios, custos e responsabilidades entre individuos con intereses e preferencias diferentes, con implicacións para a economía pública, a organización industrial ou o deseño de mecanismos de decisión colectiva.
O encontro científico conta con participación internacional procedente de Francia e China e pretende contribuír a impulsar e fortalecer a elección social como área de investigación. Entre os participantes destaca Philippe Solal, da Université de Saint-Étienne (Francia), encargado da conferencia plenaria. O equipo organizador salienta a oportunidade de incorporar a perspectiva interxeracional, reunindo en mesmo foro as miradas complementarias que aportan as distintas etapas da carreira investigadora, desde persoal con experiencia acumulada ata estudantado de doutoramento.




