Un simple clic no teléfono móbil ou no ordenador substituíu este venres os tradicionais sobres e urnas nas eleccións ao decanato da Facultade de Química da Universidade de Vigo. O centro protagonizou así a primeira cita electoral da institución académica realizada mediante o sistema de voto electrónico. A xornada, que se viviu con ilusión e orgullo, culminou coa elección de Begoña González de Prado como nova decana. Catedrática de Enxeñaría Química, convértese así na primeira decana da UVigo elixida mediante este procedemento.
Das 64 persoas convocadas, exerceron o seu dereito ao voto 51. A xornada arrancou ás 9:30 horas coas intervencións da decana saínte, Ángeles Peña, que agradeceu o apoio recibido ao longo dos sete anos á fronte da facultade, e da candidata, Begoña González de Prado, que presentou as principais liñas do programa para a nova etapa. Unha vez rematadas as intervencións, abriuse o proceso de votación electrónica, para o que era necesario dispoñer de certificado dixital. O sistema iniciou o reconto e, en apenas uns minutos, deu a coñecer os resultados: 38 votos a favor, oito en contra e cinco brancos.
“"O voto electrónico é por fin unha realidade na Universidade de Vigo. É unha aposta no século XXI do que significa ter unha universidade avanzada."
A secretaria xeral da institución, Emma Rodríguez, destacou que esta primeira experiencia é un paso inicial cara ao seu desenvolvemento completo. Segundo explicou, o proxecto xa estaba moi avanzado e só quedaba desenvolvelo e poñelo en marcha "con todo o rigor técnico e seguridade xurídica que obviamente isto require". A intención da Universidade de Vigo é continuar avanzando nesta dirección, incorporando progresivamente o novo sistema a outras convocatorias electorais e mantendo as garantías necesarias.
O novo equipo decanal da Facultade de Química está integrado por un grupo de catro mulleres con representación dos catro departamentos da facultade. Xunto á nova decana, intégrano Vanesa Romero, do Departamento de Química Analítica, e Marta Domínguez, do Departamento de Química Orgánica, como vicedecanas, e María Talavera, do Departamento de Química Inorgánica, como secretaria. González de Prado definiu o grupo como "un equipo multidisciplinar, feminino e moi, moi novo".
A nova decana aposta por dar continuidade ao traballo desenvolvido por Ángeles Peña e o seu equipo durante os últimos sete anos. O novo equipo establece tres grandes retos: a captación, a internacionalización e a participación activa de todos os colectivos do centro. No ámbito da captación e da internacionalización, a intención é seguir impulsando as titulacións internacionais, como un dobre grao coa Universidade de Perugia, en Italia, xa nunha fase moi avanzada, e outros dous títulos coas universidades de Pau (Francia) e de Chile. Outro dos obxectivos será reforzar a relación co tecido empresarial, impulsando a creación dun grao dual en colaboración co grupo Zendal.




