A Universidade de Vigo abriu a matrícula para unha nova edición dos obradoiros de Extensión Universitaria, con propostas que van dende a identificación de cogomelos ás tecnoloxías cloud. A programación, aberta a toda a cidadanía, inclúe propostas de diferentes ámbitos e duracións, pensadas para achegar coñecementos especializados e competencias complementarias á formación académica. O catálogo de cursos caracterízase pola diversidade temática, abríndose así a perfís moi diferentes.
O prazo de matrícula estará aberto ata o vindeiro 2 de outubro e os prezos varían segundo o colectivo ao que se pertenza. Ofrécense dez talleres que inclúen costura creativa e sostible; cloud computing; contedores, virtualización e orquestración; introdución ao deseño de placas de circuíto impreso; introdución a LaTeX; identificación de cogomelos en dous niveis; iniciación ao teatro; música tradicional e horta orgánica.
A micoloxía, cunha proposta de dous cursos de diferentes niveis, aborda a identificación de fungos, procedementos de recollida e recoñecemento de especies comestibles e tóxicas. O primeiro taller desenvolverase entre o 6 de outubro e o 15 de decembro, e o segundo entre o 8 de outubro e o 10 de decembro, ambos con 30 horas de duración.
O obradoiro de deseño e posta en marcha dunha horta orgánica, tamén un clásico, impartirase entre o 5 de outubro e o 21 de decembro. Con 30 horas, permitirá ás persoas que se acheguen crear unha horta dende cero, adaptando metodoloxías e cultivos.
No eido tecnolóxico, destaca o obradoiro Cloud computing: despregamento en AWS, Azure e GCP, que introduce nos fundamentos da computación na nube e nos principais provedores. A actividade, de 25 horas, desenvolverase entre o 7 de outubro e o 25 de novembro.
Outra proposta tecnolóxica é Contedores, Virtualización e Orquestración: de Docker a Kubernetes, de 25 horas, que permitirá coñecer ferramentas para infraestruturas tecnolóxicas e desenvolvemento de software. O curso será entre o 6 de outubro e o 24 de novembro.
O obradoiro de Introdución ao deseño de placas de circuíto impreso, de 20 horas, impartirase entre o 14 e o 20 de outubro, co obxectivo de acadar un nivel intermedio no deseño de placas electrónicas e familiarizarse con técnicas básicas de soldadura.
No eido tecnolóxico ofrécese tamén o taller de Introdución a LaTeX para o ámbito profesional e científico, unha proposta de 20 horas que ensinará a crear documentos profesionais e publicacións científicas de alta calidade. Impartirase entre o 5 e o 20 de outubro.
A oferta complétase con tres cursos que fomentan a creatividade: iniciación ao teatro, aula de música e baile tradicional, e costura creativa e sostible. O curso de teatro, de 30 horas, será entre o 19 de outubro e o 9 de decembro. A música e baile tradicional, tamén de 30 horas, centrarase entre o 6 de outubro e o 15 de decembro no coñecemento e práctica do folclore galego.
Finalmente, o taller de costura creativa e sostible, de 30 horas, achegará ao alumnado ao patrón e á costura a través de teas e prendas recicladas. As clases serán do 8 de outubro ao 10 de decembro.
Ademais da formación adquirida, a participación nestes obradoiros supón un recoñecemento de 1 crédito ECTS por cada 25 horas de curso.




