Unha nova investigación realizada no xacemento de Cova Eirós, en Cancelo (Triacastela, Lugo), liderada por Hugo Bal García da Universidade de Santiago de Compostela e do Cispac, afonda no coñecemento sobre o clima e o ambiente do pasado nas serras orientais galegas. O estudo conta coa colaboración de investigadores da Universidade de Vigo, como Iván Rey Rodríguez e Mikel Díaz Rodríguez.
O traballo, publicado na revista Palaeogeography, Palaeoclimatology, Palaeoecology, analizou os niveis 3, 2 e 1 do xacemento, que datan de entre 41.000 e 17.000 anos. Estes períodos abranguen a presenza dos últimos neandertais e distintas fases de ocupación dos primeiros Homo sapiens no noroeste peninsular, permitindo comparar a evolución do medio ao que se enfrontaron.
A análise zooarqueolóxica de máis de 400 animais de 36 especies distintas, xunto con modelos paleoecolóxicos, permitiu inferir a vexetación, a temperatura e as precipitacións. Os resultados indican unha Galicia moito máis fría, cun descenso de ata 3,6 ºC na temperatura media anual. A pesar diso, as precipitacións mantivéronse elevadas, por riba dos 1000 mm anuais, cunha tendencia a aumentar ao longo da Idade de Xeo.
A contorna descrita era relativamente arborada, intercalada con extensas pradarías húmidas, o que suxire que as serras orientais de Galicia puideron ser unha área de refuxio climático para cazadores-recolectores.
O investigador da UVigo Iván Rey centrouse no estudo dos micromamíferos e a reconstrución paleoambiental, achegando evidencia sobre o clima, a vexetación e a dinámica ecolóxica durante o Paleolítico medio e superior.
Esta investigación forma parte do proxecto "Dinámicas poblacionales y tecnológicas durante el Pleistoceno final-Holoceno de las Sierras Orientales del Noroeste ibérico 2", financiado por MICIU/AEI e FEDER. As intervencións arqueolóxicas en Cova Eirós contan con financiamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.




