A Facultade de Dirección e Xestión Pública da Universidade de Vigo busca estreitar lazos coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para potenciar a formación e a investigación centradas nas administracións locais. O decano, Fernando Martínez, e o vicedecano, Óscar Briones, mantiveron unha xuntanza co presidente da Fegamp, Alberto Varela, e a secretaria xeral, Patricia Vilán, na que se exploraron posibles vías de colaboración.
Esta xuntanza, descrita polo decano como unha “primeira toma de contacto”, tivo como obxectivo principal solicitar a colaboración da Fegamp na difusión da titulación de Dirección e Xestión Pública entre as administracións locais. Martínez Arribas destacou que o grao é o único nas universidades galegas que inclúe unha materia obrigatoria sobre dirección pública nos gobernos locais, e sinalou o potencial do centro para converterse nun referente na formación de persoal directivo a nivel local. Avaliouse tamén a posibilidade de que o alumnado poida realizar prácticas na Fegamp.
Ademais, abordouse a posta en marcha de liñas de traballo e colaboración en materia de investigación. A facultade, xunto co grupo Observatorio da Gobernanza G3, desenvolve estudos sobre recursos humanos, dirección pública, sostibilidade local e dixitalización nas entidades locais, áreas nas que se busca potenciar a colaboración coas administracións.




