A sede campus da EEI acolleu unha xornada conmemorativa na que participaron representantes do ámbito académico, empresarial, industrial e social de Vigo e Galicia. Durante o acto, que se prolongou durante dúas horas, abordouse o pasado, o presente e o futuro dos estudos, das persoas que os cursaron e do centro, destacando a súa contribución ao desenvolvemento da contorna e reflexionando sobre os retos da enxeñería futura.
A reitora da UVigo, Carmen García Mateo, lembrou a importancia da comunidade educativa, a súa relación coa contorna industrial e o seu carácter público. Tamén incidiu na necesidade de fomentar as vocacións femininas na enxeñería industrial e desexou que a Escola siga sendo un motor de ideas, proxectos e oportunidades para as próximas xeracións.
O director da Escola, José Fariña, agradeceu o apoio das institucións e da comunidade universitaria, destacando o "compromiso, ilusión compartida e traballo constante" para construír unha institución que contribuíu ao progreso social a través da formación de enxeñeiros e enxeñeiras.
No acto tamén estiveron presentes Diego Rodríguez González, responsable de Cultura da Fundación Pedro Barrié de la Maza; José Alberto Díez de Castro, secretario Xeral de Universidades; e Abel Caballero, alcalde de Vigo. Tras a proxección dun vídeo dos ex-directores, Carlos Castaño, vicepresidente de Enxeñaría de Borgwarner, ofreceu unha relatorio sobre industria, talento e innovación, seguido dunha mesa redonda con profesorado xubilado e directivos de empresas.
A presentación dun libro do ex reitor Luis Espada, que recolle a historia dos estudos de enxeñería industrial en Vigo, e a proxección de orlas e fotografías históricas, puxeron o colofón a unha xornada que tamén conmemorou os 125 anos da Escola de Artes e Industrias de Vigo, antecedente da actual EEI. A Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais de Vigo iniciou a súa actividade docente o 20 de outubro de 1976.




