A festa do Cristo 2026 en O Porriño xa ten pregoeira: a bailarina, performer e actriz Janet Novás. A veciña de Cans, recoñecida co Premio Nacional de Danza 2025 e o Premio Goya á Mellor Actriz Revelación por O Corno, será a encargada de dar o pistoletazo de saída oficial das celebracións o vindeiro 26 de setembro ás 13:30 horas, dende o balcón do Concello do Porriño.
Novás amosou a súa ilusión por este nomeamento: “que o Concello pensase en min e me tivese en conta para dar o pregón este ano faime moitísima ilusión. Ademais, máis alá do persoal, paréceme unha imaxe preciosa que unha bailarina dea o pistoletazo de saída ás festas do seu pobo. Que sexa unha bailarina a que dea comezo á festa e abra a pista de baile para toda a súa xente paréceme moi poético e ten, ademais, un significado moi especial para min”. A artista destacou a importancia de que sexa unha persoa vinculada á danza a que inicie as festas.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, eloxiou a traxectoria de Novás, subliñando a súa vinculación co municipio e o seu apoio aos proxectos locais. Lorenzo agarda poder vela actuar pronto no novo auditorio, unha infraestrutura que a propia Novás xa visitou e na que contribuíu ao deseño interior.
Janet Novás, ademais dos seus recoñecementos como o Premio Nacional de Danza e o Goya, recibiu tamén o Premio Ojo Crítico de RNE e o Premio da Crítica de Cataluña. Dende 2008, desenvolve proxectos propios de danza e performance, onde o corpo é o eixe da creación, explorando a través do movemento a introspección e o desbordamento. As súas creacións presentáronse en prestixiosos festivais nacionais e internacionais.
Paralelamente, Novás desenvolve a súa carreira como actriz, participando en filmes como Romería de Carla Simón e Harta de Julia de Paz, ademais do seu papel protagonista en O Corno. Actualmente, compaxina a danza, o cine e a pedagoxía.
Janet Novás segue así a tradición do Concello do Porriño de escoller personalidades do municipio ou moi vinculadas a el para ser pregoeiros. O ano pasado foron as xogadoras do Balonmán Porriño; en 2024, a centenaria costureira Juaniña; en 2023, o elenco de Teatro Fontevella; e en 2022, o director do Festival de Cans, Alfonso Pato. O alcalde destacou que "hai moita xente destacada desde municipio, moitas vivencias, lembranzas e historias que cada ano trascenden nese pregón".




