A viaxe permite ao alumnado vivir “unha experiencia internacional” e comprender mellor os procesos de toma de decisións da UE, achegándose a unha realidade clave para o seu futuro académico e profesional. As 30 prazas dispoñibles esgotáronse rapidamente entre os estudantes ourensáns, procedentes de diferentes graos e cursos da facultade organizadora.
Segundo sinala Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, esta visita “ao corazón de Europa” permite afondar no coñecemento da construción europea e do seu impacto na cidadanía, sendo unha oportunidade única para aprender, experimentar e conectar con Europa desde unha perspectiva académica, profesional e persoal.
Acompañados por profesorado, os alumnos están a visitar o Parlamento Europeo, onde coñeceron o seu funcionamento e o papel na toma de decisións que afectan a millóns de cidadáns, e a Casa da Historia Europea, un espazo que axuda a comprender a evolución histórica do continente e os valores do proxecto europeo. Tamén están a coñecer a cidade de Bruxelas, descrita como “un auténtico punto de encontro de culturas, idiomas e proxectos europeos”.
Desde a facultade organizadora destacan que estes días están sendo “cheos de coñecemento, reflexión e experiencias internacionais que contribúen á formación académica e persoal do noso estudantado, reforzando a súa visión global e a súa conexión coa realidade europea”.




