As actividades, que se celebrarán os días 6, 12 e 20 de agosto ás 19:30 horas, tiveron unha acollida excepcional, cubríndose todas as prazas en tan só trinta minutos. O sommelier Jacobo Rivas será o encargado de guiar estas experiencias, seleccionando os viños para cada unha das citas.
A primeira xornada, o 6 de agosto, levará por título “Rías Baixas de norte a sur”. Trátase dunha cata horizontal que explorará as cinco subzonas da D.O. Rías Baixas (Val do Salnés, Condado do Tea, O Rosal, Ribeira do Ulla e Soutomaior), destacando como o chan e a proximidade ao mar inflúen no carácter do albariño e outras variedades autóctonas. Esta sesión incluirá tamén unha maridaxe con produto local de tempada.
O programa continuará o 12 de agosto coa proposta “A eclipse no viñedo”. Esta cita especial combinará a cata de viños coa observación da eclipse solar, cuxo momento álxido está previsto para as 20:29 horas. A sesión avanzará desde viños máis novos e luminosos ata outros de maior crianza, mentres os asistentes recibirán material homologado para seguir o fenómeno astronómico, acompañado dunha breve explicación. Tamén haberá maridaxe con produto local.
Finalmente, o 20 de agosto, terá lugar “O reto do sommelier”. Este formato lúdico e participativo consistirá nunha cata a cegas por parellas ou pequenos grupos, dirixida por Jacobo Rivas con pistas e combinada con produto local de tempada. A proposta busca conectar o viño coa memoria e a paisaxe nun ambiente interactivo.




