O prazo para inscribirse no torneo remata o vindeiro luns 22 de xuño ás 23:59 horas, e as previsións apuntan a que a cita superará as cifras da pasada edición.
A falta de poucos días para o peche das inscricións, o torneo xa conta con 364 parellas anotadas, o que supón aproximadamente 100 parellas máis que no mesmo momento do ano pasado. Co ritmo actual de participación, a organización prevé alcanzar as 1.200 inscricións, o que permitiría establecer un novo récord no torneo e que Vigo volvese situarse á cabeza dos torneos amateurs a nivel mundial.
O torneo celebrarase do 26 de xuño ao 5 de xullo nas instalacións de Máis que Auga Barreiro e Navia. Durante dez días, reunirá competición amateur, categorías federadas, pádel adaptado, deporte base e diferentes actividades arredor desta disciplina.
Entre as novidades desta edición destaca a incorporación do Campionato Galego de Pádel de Menores, no que preto de 160 nenos e nenas competirán polos títulos autonómicos.




