A iniciativa, coordinada en Galicia pola Universidade de Vigo (UVigo), busca achegar a ciencia á sociedade a través de actividades participativas como obradoiros, xogos de mesa, roteiros históricos, visitas e unha escape room. Baixo o lema “Conciencias creativas”, a G-Night desenvólvese simultaneamente en sete cidades galegas, levando a investigación a espazos cotiáns para fomentar o encontro entre a cidadanía e o persoal científico.
A participación do CSIC articúlase a través de varios dos seus centros e institutos en Galicia, incluíndo a Misión Biolóxica de Galicia (MBG), o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), o Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), os centros oceanográficos da Coruña (COAC) e Vigo (COV) do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), e a Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia.
En Pontevedra, a MBG ofrecerá a actividade “Escape Room: un futuro habitable?” na súa sede (Carballeira, 8, Salcedo) de 17.00 a 19.00 horas. Esta proposta, xa con todas as prazas esgotadas, combinará coñecemento científico e xogo colaborativo para abordar cuestións como a biodiversidade, a saúde do solo e o cambio global.
En Santiago de Compostela, o IEGPS presentará “O Seminario de Estudos Galegos: aprende xogando!” (18.00-21.00h no Claustro do Colexio de Fonseca), unha actividade de acceso libre para descubrir a institución creada en 1923 mediante xogos. Tamén organizará o roteiro “A pegada das mulleres nas rúas de Compostela” (19.00h, saída dende San Roque, 2), que percorrerá a historia das mulleres compostelás. A Unidade de Cultura Científica do CSIC desenvolverá “A ciencia xógase na mesa” (18.00-21.00h no Claustro do Colexio de Fonseca), con xogos de temática científica e a estrea do xogo propio “A espiral da ciencia”.
O INCIPIT celebrará portas abertas na súa sede (17.00-19.00h), ofrecendo percorridos polo Arqueoplanetario e o Laboratorio de Arqueoloxía Patrimonial. Ademais, presentará “O pasado foi vexetal. Un percorrido pola nosa historia da man das plantas” (19.00-20.00h), que analizará restos vexetais para reconstruír o pasado.
Na Coruña, o COAC organizará obradoiros de oceanografía física e plancto na Dársena da Mariña (18.00-21.00h), dirixidos ao público familiar e de acceso libre, con experimentos e observación con microscopios.
En Vigo, o COV presentará “Descubre os segredos do mar co Centro Oceanográfico de Vigo” no Museo MARCO (18.00-20.00h), con xogos e obradoiros sobre lixo mariño, contaminación e mamíferos mariños. O IIM ofrecerá no Centro de Ocio A Laxe “Dende o mar ao prato: unha cadea de xogo” (18.00-21.00h) e “Animais baixo as ondas” (17.30-21.00h), sobre telemetría acústica e o estudo de animais mariños.




