Tras catro anos de silencio e sen avances sobre a actuación prevista, o goberno municipal informou a veciños, mediante resposta escrita, que "a día de hoxe, non está previsto realizar ningún tipo de intervención no citado parque". Esta decisión supón deixar en suspenso a transformación dun espazo de 3.250 metros cadrados.
O proxecto orixinal, que contaba cun orzamento de 2,6 millóns de euros, prevía unha "renovación integral e redistribución" da praza. A proposta incluía xogos inspirados no sector naval de Vigo, como unha grúa de 12 metros, ademais dunha pista de parkour, pérgolas e a renovación dun parque canino. A actuación tiña un prazo de execución estimado de seis meses.
A iniciativa tamén xerou oposición entre parte dos residentes da zona, que expresaron a súa preocupación pola conservación do arboledo existente. As infografías presentadas polo Concello naquel momento suxirían a eliminación de numerosas árbores para dar cabida ao novo deseño.
Desde o anuncio do macroparque, o proxecto foi perdendo impulso ata quedar paralizado. A comunicación oficial do Concello pon fin, polo momento, a unha reforma que se presentara como unha transformación "total" do espazo de García Picher.




