O proxecto, enmarcado na materia Deseño e sociedade, consistiu en que o alumnado dera forma gráfica a termos científicos asociados ás ciencias mariñas, como 'salitre', 'biopelícula', 'cocolitofóridos' ou 'malacostráceos'. A iniciativa partiu das propostas realizadas polo persoal dos diferentes departamentos do IIM-CSIC e buscou que os estudantes investigasen e reinterpretasen conceptos alleos á súa formación habitual.
Segundo explica a profesora da Facultade de Deseño, Silvia García, o obxectivo foi que o alumnado se enfrontase a retos externos á facultade e aprendese a dialogar con outras disciplinas. O proceso comezou de xeito analóxico, creando texturas para ilustrar o concepto, e rematou nunha proposta gráfica onde aparecía a palabra asociada.
“"Paréceme importante que o alumnado se enfronte a retos de fora facultade, que aprendan a dialogar con outras disciplinas"
A inauguración da mostra completouse cunha presentación de García e cun debate no que participaron a xefa do Departamento de Lingua Galega da EOI, Isabel Acea, e a responsable da Unidade de Cultura Científica do IIM-CSIC, Luisa Martínez. Desde o CSIC sinalan que o fin é chamar a atención da cidadanía sobre o papel da investigación mariña no contexto ambiental, económico e social.
A exposición forma parte das actividades da Semana da Ciencia e a Tecnoloxía do CSIC. Poderá visitarse na Escola Oficial de Idiomas de Vigo ata o 4 de decembro.




