A xornada, celebrada a menos de 20 días das eleccións xerais en España, contou coa participación de cinco docentes e investigadores da facultade. María Hylma Alcaraz, Juan Antonio Hernández Corchete e Xosé Manuel Pacho Blanco centráronse en diversos aspectos da chamada 'lei de netos', mentres que Jacinto Lareo Jiménez e Paula Martínez Molares abordaron a adaptación da lexislación electoral ás persoas con discapacidade para o exercicio do sufraxio activo e a tutela xurisdicional dese dereito.
O decano da FCCXXT, Pablo Grande Seara, eloxiou a iniciativa da Delegación de Alumnos, destacando que o estudantado está en contacto coa realidade e consciente das problemáticas xurídicas actuais. Agradeceu tamén a participación desinteresada dos docentes, cuxas ponencias invitan á reflexión xurídica sobre estes dous eixos temáticos.
Alejandro Alonso Lago, presidente da Delegación de Alumnos, subliñou a importancia de estar informados para exercer dereitos e deberes nun contexto crítico como o actual. Explicou que, aínda que a idea orixinal era centrarse nos dereitos das persoas con discapacidade, o adianto electoral levou a sumar a cuestión da 'lei de netos', referida á adquisición da nacionalidade española e á igualdade de dereitos políticos.
María Hylma Alcaraz, docente da Área de Dereito Constitucional, expuxo o impacto constitucional da suspensión do voto dos 'netos do exilio'. Juan Antonio Hernández Corchete, da Área de Dereito Administrativo, analizou xuridicamente dita suspensión e os pronunciamentos dos tribunais. Xosé Manuel Pacho Blanco, da Área de Filosofía do Dereito, abordou o estado do Dereito fronte ao 'lawfare' e o caso da Lei de Memoria Democrática.
Respecto ao dereito ao sufraxio das persoas con discapacidade, Alonso Lago cualificou o seu recoñecemento en España como tardío, saldando unha débeda con persoas que agora teñen plena capacidade xurídica tras reformas lexislativas. Lembrou que, a pesar do recoñecemento inicial a través da Convención de Nova York de 2006, non foi ata 2021 cando se suprimiron as incapacitacións e se estableceu un sistema de medidas de apoio.
Jacinto Lareo Jiménez, da Área de Dereito Administrativo e Presidente da Fundación Sálvora, centrouse nas adaptacións da LOREG ás persoas con discapacidade, mentres que Paula Martínez Molares, da Área de Dereito Procesual, tratou a tutela xurisdicional do dereito de sufraxio a raíz da Lei 8/2021.




