A Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo afronta unha etapa de cambios tras a renuncia da catedrática Elsa Vázquez como decana para liderar o Centro de Investigación Mariña. Cristina Sobrino, profesora titular do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, será a encargada de substituíla á fronte do Decanato en funcións durante os vindeiros seis meses, co obxectivo de convocar novas eleccións neste período.
Neste período transitorio, Sobrino estará acompañada por Estefanía Paredes, investigadora Ramón y Cajal da Área de Zooloxía, que continuará como secretaria do centro, e polo profesor do Departamento de Química Analítica e Alimentaria Óscar Nieto, como vicedecano de Calidade. A vacante que Sobrino deixa como vicedecana de Mobilidade será asumida por Inmaculada Prieto, docente do Departamento de Química Física.
Cristina Sobrino é tamén investigadora do grupo OB Oceanografía Biolóxica do Centro de Investigación Mariña CIM-UVigo. A súa formación inclúe estudos na Universidade do País Vasco e na Universidade da Laguna, e é doutora pola Universidad de Cádiz coa tese "Efecto del incremento de radiación ultravioleta y co2 sobre el crecimiento y fotosíntesis de diferentes especies de microalgas marinas".
A nova decana en funcións manifestou a súa intención de concorrer ao futuro proceso electoral xunto co equipo actual. "Intentaremos que sexa o antes posible", explicou, adiantando que, de gañar, buscarán completar o programa electoral presentado inicialmente en novembro de 2024. Nese proceso, a candidatura liderada por Elsa Vázquez obtivo un 94,5% de apoio.
O programa de goberno da anterior xestión centrábase en conseguir máis recursos, recoñecemento e apoio institucional, con énfase na internacionalización e na ampliación de convenios con universidades estranxeiras. Tamén se destacaba a singularidade das titulacións do centro, que requiren saídas de campo específicas en barco, o que supón un alto custo orzamentario.




