A directora do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, Elsa Vázquez, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, celebraron esta semana a súa primeira xuntanza institucional co obxectivo de fortalecer a colaboración estratéxica entre ambas entidades no ámbito da Economía Azul.
Na reunión, destacouse o papel do Observatorio Submarino Atlántida de Peiraos do Solpor como laboratorio de referencia internacional, especialmente no marco de proxectos europeos como Europort.2035 e Neoria. Estes proxectos céntranse na investigación e innovación mariña, a biodiversidade e a monitorización ambiental.
No proxecto Europort.2035, Vigo será porto piloto en actuacións de biodiversidade e monitorización ambiental. Desenvolverase un xemelgo dixital ambiental que integrará cámaras submarinas, hidrófonos e sensores, aplicando intelixencia artificial para a identificación de especies e simulación de ecosistemas, con estándares avanzados de ciberseguridade.
Pola súa banda, a Autoridade Portuaria liderará en Neoria o despregamento de solucións baseadas na natureza (SbN) e a validación do Plan de Adaptación ao Cambio Climático na contorna portuaria.
O CIM achegará a súa experiencia científica en biodiversidade e ecoloxía mariña ao proxecto piloto de Europort.2035 en Vigo, colaborando no estudo da biodiversidade asociada ás estruturas portuarias e avaliando a eficacia das infraestruturas baseadas en solucións naturais para a recuperación de ecosistemas mariños.
Ademais, xorden novas liñas de traballo para a xestión integral do medio acuático, como a implementación de SbN para mitigar verteduras, a cuantificación do ruído submarino mediante bioindicadores e o estudo do papel dos arrecifes artificiais na recuperación ecolóxica.
Este encontro coincide co 30º aniversario da primeira promoción da Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo, da que ambos os dirixentes forman parte.




