A xornada, que contou con asistencia presencial e online, serviu para dar conta das solucións desenvolvidas durante tres anos de traballo. A apertura correu a cargo da directora-xerente de CETMAR, Rosa Chapela Pérez, quen agradeceu o labor do consorcio na loita contra a contaminación mariña e a participación do público.
O proxecto combinou investigación científica, innovación tecnolóxica e colaboración co sector pesqueiro e portuario. Entre as entidades galegas participantes destacan, ademais de CETMAR, o INTECMAR, a Universidade de Santiago e o Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía. Os socios presentaron guías e boas prácticas para mellorar a xestión dos residuos procedentes da actividade pesqueira, tanto as artes de pesca ao final da súa vida útil como os residuos recollidos incidentalmente.
Entre os resultados destacados inclúense recomendacións para facilitar a aplicación das directivas europeas sobre plásticos dun só uso e a recepción de residuos dos buques. Tamén se impulsaron experiencias para mellorar a operativa dos programas de Fishing for Litter e accións piloto para a localización e recuperación de artes de pesca abandonadas, perdidas ou descartadas, coa colaboración do Servizo de Gardacostas de Galicia.
Free LitterAT avanzou tamén en novas metodoloxías para detectar e monitorizar o lixo mariño, mediante o uso de vehículos submarinos e cámaras de baixo custo. No ámbito dos microplásticos, desenvolvéronse procedementos harmonizados de mostraxe e análise. O proxecto, que finalizou a súa fase operativa o 31 de marzo de 2027, mantivo unha colaboración activa con grupos de traballo de OSPAR e a Directiva Marco sobre a Estratexia Mariña.




