O Campus Auga, proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia, xa resolveu a súa convocatoria de axudas destinada a financiar proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente. A iniciativa subvencionará catro estudos que abordarán temáticas como os solos agrícolas, as microalgas, os eventos extremos e o secuestro de carbono.
Os proxectos seleccionados serán levados a cabo polos investigadores da Universidade de Vigo Andrés Rodríguez, Pedro Miguel Ferreira, Jorge Eiras e a investigadora Paula Pérez. A convocatoria conta cun orzamento de 80.000 euros e busca potenciar a captación e retención de talento investigador adscrito ao programa Ramón y Cajal no campus de Ourense, ademais de impulsar as liñas de investigación do Campus Auga.
A subvención para cada proxecto ascende a 20.000 euros e financiará a investigación durante a anualidade 2026. As axudas están financiadas polo convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de accións estratéxicas no Campus Auga de Ourense (2024-2027).
O investigador Pedro Miguel Ferreira Santos, do grupo Biorrefinería e Valorización da Biomasa (Bio2Val), centrarase no desenvolvemento de procesos sostibles de biorrefinaría de microalgas para obter compostos biofuncionais con aplicación alimentaria e terapéutica. Utilizará tecnoloxías verdes e avanzadas, incluíndo ultrasóns, microondas e disolventes ecolóxicos, xunto con intelixencia artificial, para aproveitar ao máximo a biomasa e obter proteínas, vitaminas e antioxidantes, promovendo un modelo de biorrefinaría circular.
Pola súa banda, Paula Pérez Rodríguez, do grupo BV1 Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos, investigará o fraccionamento e a estabilidade da materia orgánica do solo tras implementar prácticas agrícolas sostibles e as súas implicacións no secuestro de carbono. O seu estudo analizará como a transición cara á agricultura rexenerativa en viñedos favorece o almacenamento estable de carbono no solo, contribuíndo a prácticas agrarias sostibles e á mellora da saúde do solo.
Andrés Rodríguez Seijo, tamén do grupo BV1, desenvolverá e validará unha metodoloxía analítica baseada en Orbitrap para determinar compostos per- e polifluoroalquilados (PFAS) en solos agrícolas de Galicia. Estes compostos sintéticos, de gran persistencia ambiental, son de interese pola nova normativa europea de monitorización do solo. A metodoloxía proposta permitirá a cuantificación dirixida e non dirixida de PFAS en diferentes solos galegos.
Finalmente, Jorge Eiras Barca, do grupo Environmental Physics Laboratory (EPhysLab), abordará o impacto do estrés térmico na agricultura. O seu proxecto analizará os mecanismos físicos que causan eventos extremos de estrés térmico, combinando a creación dun catálogo de episodios históricos con datos de reanálise e o uso dunha análise pseudo-lagranxiana para cuantificar a orixe da calor. O obxectivo é clasificar estes eventos e mellorar a predición e adaptación da agricultura fronte ao cambio climático.




