Comisariada polos investigadores da Universitat Politècnica de València Lorena Rodríguez e José Luis Albelda, o proxecto ‘Proyectar el cambio’ parte do concepto das humanidades ecolóxicas para fomentar unha reflexión sobre os retos derivados da “crise ecosocial”. A mostra internacional de creación audiovisual, na súa terceira edición, reúne 15 pezas artísticas que abordan esta problemática desde diferentes enfoques.
Baixo o título ‘Proyectar el cambio: crisis, resiliencia y restauración’, a terceira edición desta mostra presenta obras con “formatos e narrativas moi variados”, que inclúen desde pequenos vídeos de carácter documental, activista ou performático, ata ensaios audiovisuais, poemas visuais, curtas de animación ou pezas de vídeo experimental. Tras exhibirse en México, Italia, Brasil e diferentes universidades españolas, a mostra chega á Facultade de Belas Artes da UVigo nunha sesión aberta ao público.
A proxección comezará ás 16.30 horas no espazo 16 da facultade. No marco das iniciativas da rede europea ARTinRARE, a sesión contará coa intervención por videoconferencia de Lorena Rodríguez Mattalía, comisaria do proxecto, e das artistas e docentes Holga Méndez (da UVigo) e Belén Díez (da Universidad de Zaragoza), coordinadoras do proxecto Geografía Poética.
Esta iniciativa insírese nas actividades da materia Arte, natureza e medio ambiente, do Grao en Belas Artes. Holga Méndez sinala que a mostra permitirá ao alumnado “ampliar campos de acción e posibilitar o pensamento crítico” a través de pezas que se centran na “crise ecosistémica que vivimos”. O propósito da mostra é amosar “aquilo que a miúdo é intencionadamente tapado, minimizado ou manipulado, desde unha liberdade creativa fóra dos estándares das industrias culturais” e facelo a través de obras que “sinalan que outra maneira de ver e de vivir é posible”.
A terceira edición de ‘Proyectar el cambio’ foi impulsada no marco do proxecto europeo Situated Creative Practices for the Pluriverse. Reúne 14 obras de artistas de España, México e Polonia, xunto cun vídeo realizado polo equipo Val Lab (ao que pertencen os comisarios), que reflexiona sobre València e o caos climático tras a catástrofe da Dina de 2024.




