O proxecto, liderado por catro alumnos de segundo curso do Grao de Enxeñaría Aeroespacial do campus de Ourense e un estudante do IES Sánchez Cantón, naceu coa idea de construír un kart eléctrico cun orzamento reducido. O que comezou como unha proposta entre amigos medrou ata a constitución oficial da asociación xuvenil Ziptie Motorsport.
A primeira versión do kart foi rematada no verán, e tras a necesidade de adaptar o vehículo á normativa oficial para o concurso Zero Emission Challenge de Viena, o equipo está a finalizar a segunda versión. Esta actualización implicou a implementación de medidas de seguridade máis estritas e a adaptación dunha batería de menor voltaxe, ademais de resolver problemas técnicos e afrontar o reto loxístico do transporte da batería, considerada mercadoría perigosa.
O prototipo integra diversas disciplinas técnicas. Conta cun chasis orixinal de kart de aluguer modificado para albergar un motor de 3 kW de serie, potenciado ata os 15 kW teóricos mediante refrixeración líquida. Dispón dunha batería de alta descarga de 18 kW, un controlador electrónico de alta intensidade, unha batería auxiliar e sistemas de seguridade. Ademais, inclúe pezas de deseño propio impresas en 3D e un panel de control de fabricación propia.
A iniciativa busca non só a experiencia formativa e a innovación tecnolóxica, senón tamén fomentar o interese da mocidade polas disciplinas STEM, promover a aprendizaxe práctica e impulsar o traballo en equipo. Para afrontar os custos, a asociación lanzou unha campaña de 'crowdfunding' e conta co apoio institucional do Concello de Ourense e a colaboración de diversas empresas.
O vindeiro venres, 4 de setembro, ás 13.15 h, Ziptie Motorsport celebrará unha exhibición do seu kart na Praza Maior de Ourense.




