O profesor Alberto Vaquero asume a dirección do Campus Auga, proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia. O novo responsable, que releva no cargo a Roberto Ignacio Fernández, afronta este novo reto "con ilusión e ganas", afirmando que o Campus Auga "ten que ser o selo de calidade para o noso campus de Ourense".
O novo director considera a xestión do Campus Auga "un reto moi importante" e confía en que "grazas ao traballo de todos" se acaden bos resultados. Vaquero defínese como "un xogador de equipo" e subliña a importancia da colaboración para lograr "bos resultados".
O profesor Alberto Vaquero é doutor en Ciencias Económicas e Empresariais e Mestrado en Economía, e imparte docencia en grao, mestrado, doutoramento e Programa Universitario de Maiores na UVigo. É investigador do grupo GEN e membro do centro Ecobas. Tamén foi asesor especializado no Consello Económico e Social de España e no Gabinete da Ministra de Educación e Ciencia.
A súa traxectoria inclúe unha longa participación no desenvolvemento do Campus Auga, dende o primeiro plan estratéxico no mandato do ex-reitor Salustiano Mato, pasando pola comisión científica e o comité executivo baixo as direccións de Enrique Barreiro e Nelson Pérez. Tamén foi vogal de transferencia e emprendemento no comité de dirección. Vaquero agradece a confianza da reitora Carmen García Mateo e da vicerreitora do campus de Ourense, María Montserrat Cruz.
O novo director destaca o "importante desenvolvemento" do Campus Auga dende a súa acreditación como campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia. A dotación da Xunta de Galicia para o período 2024-2027 superou os tres millóns de euros, permitindo accións en docencia, investigación e transferencia, como a contratación de investigadores, premios, congresos e a compra de infraestruturas.
O principal reto para o novo mandato é a "reacreditación do Campus Auga como campus de especialización do Sistema Universitario Galego", unha prioridade "número un" para o campus de Ourense e a Universidade de Vigo en xeral. Vaquero móstrase confiado na superación deste proceso, "dende logo os excelentes resultados dos últimos anos son boa mostra de todo o que se fixo".
A medio prazo, Alberto Vaquero aposta por fomentar a colaboración entre as liñas de especialización (alimentación funcional, agricultura e medio ambiente, xestión da auga termal) e as áreas de soporte (intelixencia artificial, economía circular, lexislación agroalimentaria). A proposta de plan estratéxico busca potenciar a auga como elemento aglutinador e fomentar a interrelación entre o persoal docente e investigador.
Igualmente, o novo director desexa "mellorar as colaboracións con outros campus de especialización" e "coas empresas e institucións públicas e privadas", xa que "o interese por colaborar co Campus Auga é total".




