A Deputación de Pontevedra estrea este xoves, 6 de agosto, o programa 'Cata con Historia' no Castelo de Soutomaior. A iniciativa, deseñada para achegar a historia do castelo e os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas, esgotou as súas 45 prazas en tan só trinta minutos desde a apertura de inscricións o pasado venres 31 de xullo.
A primeira actividade, titulada “Rías Baixas do norte ao sur”, será dirixida polo sommelier Jacobo Rivas. Esta cata horizontal percorrerá as cinco subzonas da D.O. Rías Baixas (Val do Salnés, Condado do Tea, O Rosal, Ribeira do Ulla e Soutomaior) para ilustrar como o chan e a proximidade ao mar inflúen no carácter do albariño e outras variedades autóctonas. A degustación incluirá unha maridaxe con produto local de tempada.
O programa continuará o 12 de agosto con “A eclipse no viñedo”, unha sesión que combinará a cata de viños coa observación da eclipse solar, cuxo momento álxido está previsto para as 20:29 horas. Os viños seleccionados avanzarán “de luz a sombra”, desde os máis novos e luminosos aos de maior crianza, e os asistentes recibirán material homologado para observar o fenómeno, acompañado dunha breve explicación. Tamén haberá maridaxe con produto local.
A última xornada, o 20 de agosto, presentará “O reto do sommelier”. Será unha cata a cegas por parellas ou pequenos grupos, guiada por Jacobo Rivas con pistas, e tamén combinada con produto local de tempada. Este formato busca ser lúdico e participativo, conectando o viño coa memoria e a paisaxe.
Os viñedos do Castelo de Soutomaior, que ocupan catro hectáreas dentro dun recinto de 23, foron plantados en 1984. Predomina a uva autóctona albariña, xunto con outras variedades brancas como godello, torrontés, loureiro e treixadura, e mesmo tintas como mencía e sousón.




