O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou hoxe na Estación Marítima de Vigo o equipo da nova longametraxe Pínkala. A produción, dirixida por Juanjo Giménez e liderada pola galega Frida Films en coprodución con M-Films, está a completar as súas últimas semanas de traballo entre Vigo e Tomiño.
Esta iniciativa conta cunha achega de 350.000€ por parte do Goberno galego, enmarcada na liña de axudas para a atracción de rodaxes audiovisuais. Esta convocatoria, dotada este ano con 2,53 millóns de euros, está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.
López Campos, acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, destacou que Galicia se consolidou como un territorio de referencia para a produción audiovisual, favorecendo a dinamización económica, a creación de emprego cualificado e o fortalecemento da industria.
O conselleiro subliñou que "o audiovisual é unha das industrias culturais con maior capacidade para crear valor e conectar a cultura coa innovación, o turismo e a internacionalización", e definiu Pínkala como "un exemplo de produción internacional que confía nas empresas, nos profesionais e nas localizacións galegas".
A Estación Marítima de Vigo foi o escenario para a gravación dunha escena que recrea un control de seguridade aeroportuaria. A secuencia céntrase no personaxe de Sam, interpretado por Pol López, enfrontándose á experiencia do embarque nun voo, o que evidencia as súas dificultades en espazos descoñecidos e concorridos.
Tras esta xornada, o equipo trasladarase a Tomiño para continuar o traballo nunha localización interior, antes de regresar a Vigo para as últimas gravacións nocturnas nos antigos xulgados da cidade, previas ao inicio da fase de posprodución.
Pínkala é unha coprodución internacional entre a galega Frida Films e a lituana M-Films, baixo a dirección de Juanjo Giménez, quen xa gañou a Palma de Ouro á mellor curtametraxe en Cannes por Timecode e foi candidato aos Óscar.
A película narra a historia de Sam, un home con extrema sensibilidade aos estímulos que vive illado. A chegada dunha nova persoa ao seu contorno obrigaao a cuestionar o seu equilibrio e iniciar unha transformación persoal, convertendo o filme nunha reflexión sobre a vulnerabilidade, os coidados e os vínculos humanos.




