O Observatorio da Gobernanza G3 da Facultade de Dirección e Xestión Pública da Universidade de Vigo creou un laboratorio de podcast para divulgar as súas liñas de investigación. Os programas abordan temáticas como políticas públicas medioambientais, a Unión Europea, a dirección pública con perspectiva de xénero e experiencias profesionais de titulados. A iniciativa presentouse ao alumnado xunto coas guías de uso ético da intelixencia artificial elaboradas polos estudantes do centro.
Ademais, a facultade acollerá o vindeiro martes 24 un debate electoral no que participarán representantes do PPdeG, PSdeG-PSOE, BNG e Fronte Ampla. O decano da facultade, Fernando Martínez, e os coordinadores do Observatorio, Enrique Varela e Xosé Mahou, destacaron que estes recursos buscan achegar ao alumnado as actividades do grupo de investigación e adaptarse á forma en que consumen información.
Entre os programas do laboratorio de podcast atópanse "Señora Rewilding", coordinado polo profesor Óscar Briones, centrado en iniciativas ecolóxicas; "Voces Alumni DXP", impulsado por Enrique Varela, sobre traxectorias de antigos estudantes; "Unha habitación propia", da profesora Ánxela Fernández, que aborda a dirección pública desde unha perspectiva de xénero, e "Europa Digital", coordinado por Celso Cancela, sobre política e transformación dixital.
Tamén se presentaron as guías sobre o uso ético da intelixencia artificial, elaboradas polo estudantado para o ámbito académico, político e institucional. Xosé Mahou subliñou que estes materiais foron creados "por e para o estudantado" para axudarlles a usar estas ferramentas de forma ética, sen que substitúan á análise nin ao relato propio.
O debate electoral, que se desenvolverá a partir das 11.00 horas no salón de graos, contará cun primeiro bloque de política xeral e un segundo centrado en cuestións de "especial incidencia na xuventude", como educación, empregabilidade ou vivenda. O debate será moderado por Celso Cancela, director do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía da UVigo.




