O líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, cualificou de "dantesca" a situación rexistrada en Viana do Bolo tras as recentes inundacións na provincia de Ourense e instou á Xunta de Galicia a activar o plan de emerxencia. Durante a súa visita á localidade, Besteiro subliñou a magnitude dos danos, con acumulacións de auga que chegaron "ata catro metros" nalgúns puntos.
O dirixente socialista trasladou o seu apoio aos veciños afectados e recalcou a necesidade dunha "reacción rápida" de todas as administracións, destacando a actuación do concello de Viana. Besteiro vinculou a gravidade dos danos co estado dos montes tras os incendios do pasado verán, argumentando que un monte "espido por completo" non ofrece protección fronte a treboadas intensas.
“"Incendios máis abandono implica catástrofes."
Besteiro advertiu de que "non hai motivo para non activar" o plan de emerxencia ante a gravidade dos feitos e lembrou as advertencias realizadas durante o inverno sobre a necesidade de recuperar as zonas arrasadas polos lumes na provincia de Ourense.
Así mesmo, fixo referencia ás queixas sobre a acumulación de madeira talada nas zonas afectadas, que ao non ser retirada formou unha "verdadeira barreira" arrastrada pola auga. Por iso, solicitou á Xunta "prontitude e rapidez" para mobilizar os recursos necesarios e reparar os "impresionantes" danos. A prioridade, concluíu, é "salvar a situación de todos os veciños" e proceder ao saneamento da localidade.




