A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, firmou hoxe coa alcaldesa de Oímbra este acordo subscrito ao abeiro do Plan Hurbe.
A actuación transformará unha parcela actualmente destinada a uso agrario, situada xunto á estrada OU-1010, para facilitar a construción de vivendas protexidas de promoción pública. Os traballos inclúen o acondicionamento e nivelación do terreo, a dotación de servizos básicos (auga, saneamento, electricidade e telecomunicacións), a urbanización de accesos, pavimentación de viarios, construción de beirarrúas e instalación de iluminación pública.
O proxecto tamén contempla a creación de zonas verdes e espazos de convivencia, con arborado, céspede e mobiliario urbano, ademais dunha área de xogos infantís.
A Xunta financiará o 70% do orzamento (máis de 225.000 euros), contratará e executará as obras nun prazo previsto de seis meses. O Concello de Oímbra asumirá o 30% restante e incorporará as actuacións ao seu patrimonio municipal.




