A formación nacionalista, a través do seu deputado Secundino Fernández, criticou a falta de aclaracións por parte da Dirección Xeral de Defensa do Monte sobre quen ordenou os desbroces que, segundo o BNG, desencadearon o lume. Estes traballos realizáronse en condicións extremas e nun período no que estaban prohibidos, o que levou ao deputado a cualificar a situación de “absoluto desastre e neglixencia”.
“"Que facía unha máquina contratada pola Xunta, a través de Seaga, traballando nun camiño municipal? Por que a alcaldesa de Oímbra non paralizou ese desbroce nunha pista de titularidade municipal?"
O BNG tamén puxo o foco na promoción da daquela directora xeral da empresa pública Seaga, quen, segundo a formación, non paralizou a máquina implicada no desbroce. O deputado nacionalista subliñou que esta persoa foi posteriormente “ascendida” á actual Dirección Xeral de Planificación Forestal, o que considera incomprensible dada a magnitude da catástrofe.
Pola súa banda, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, evitou dar detalles sobre as responsabilidades, argumentando que o asunto está “sometido a investigación xudicial”. Limitouse a destacar a rápida resposta do operativo da Xunta, que mobilizou numerosos medios en 2025, e a falar das condicións “técnicas” do incendio, sen entrar nas causas.
“"Non falou de nada do que preguntei. Non se pode poñer toda a responsabilidade nun traballador que cumpría ordes. Hai responsabilidades políticas."
Ademais, o BNG criticou o Pladiga (Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia) para este ano, sinalando que o obxectivo de 29.000 hectáreas queimadas supón unha “rendición ante o lume”. Outros grupos da oposición tamén manifestaron o seu descontento co plan, acusando á Xunta de falta de autocrítica e de presentar un documento con escasos recursos para prevención e recuperación.




