O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, asistiu á presentación da XIX Festa do Viño de Monterrei, que se celebrará os vindeiros 7, 8 e 9 de agosto en Verín. Durante o acto, celebrado na Praza de Abastos de Santiago de Compostela, Alemparte recoñeceu os beneficios desta denominación de orixe e do sector vitivinícola para xerar emprego e manter vivo o territorio.
Alemparte, quen estivo acompañado por Manuel Vázquez, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, subliñou a importancia desta DO como unha das cinco recoñecidas en Galicia. Destacou que eventos coma este achegan o consumidor ao territorio, aos viticultores e ás adegas, reforzando o vínculo entre produto, paisaxe e identidade, e consolidando o viño como un embaixador da calidade diferenciada galega.
A Denominación de Orixe Monterrei conta xa con 30 adegas inscritas. O ano pasado, pechou con máis de 850 hectáreas inscritas e unha produción certificada superior aos 5 millóns de litros, cun valor económico estimado de máis de 25 millóns de euros.
O Goberno galego apoia anualmente este sector cun investimento duns 12 millóns de euros a través de diversas axudas, como as destinadas á reestruturación e reconversión de viñedo, á transformación e comercialización de produtos, á promoción en terceiros países e á conservación paisaxística. Ademais, a Consellería impulsa o Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, dotado con preto de 10 millóns de euros, para reforzar a promoción das producións agroalimentarias galegas de calidade.




