A organización busca que a actividade sexa puramente lúdica, cun respecto absoluto polo medio natural. Para iso, garantirase a seguridade con puntos de reagrupamento ao longo do percorrido e será obrigatorio seguir as indicacións do persoal.
As embarcacións deberán estar construídas con materiais brandos ou inchables, e estará prohibido o uso de sistemas de propulsión mecánica. Os deseños que utilicen poliestireno expandido terán que ir totalmente protexidos, e a decoración non poderá conter pinturas tóxicas nin purpurina que poida desprenderse. Antes de acceder á auga, realizaranse verificacións e entregarase unha bolsa de lixo para asegurar que o río quede en perfecto estado.
As persoas interesadas en participar poderán inscribirse ata o 10 de xullo enviando un correo electrónico á dirección descensodotamega@extruga.com. O prezo por embarcación cun participante é de 15 euros, mentres que cada mariñeiro adicional deberá abonar 10 euros. O rexistro inclúe o dereito a unha camiseta conmemorativa, o acceso a unha sesión vermú e a posibilidade de optar a premios baseados na orixinalidade do deseño.




