A tempada do Verín foi un éxito rotundo, non só polo ascenso á liga Preferente tras gañar o campionato, senón tamén polos recoñecementos individuais. O dianteiro colombiano Júnior Moreno alzouse co título de Pichichi, mentres que o porteiro Miguel Gándara foi o menos goleado, un logro que o club xa alcanzara na campaña 19-20 con Camba e Pachi.
Júnior Moreno, que anotou 26 goles en 32 partidos, mostrouse satisfeito co seu rendemento e co obxectivo cumprido polo equipo. "Grazas a Deus conseguimos o obxectivo de subir e no meu caso marcar máis de 25 goles", declarou o dianteiro, quen tamén destacou a súa contribución con tres asistencias no último partido, a pesar de non marcar. O xogador agradeceu ao club a oportunidade brindada e afirmou que a súa "primeira opción é o Verín" para o futuro.
A pesar dos bos números, Moreno sinalou que a tempada non foi sinxela, xa que "todos nos querían gañar". Lembrou partidos complicados como o que gañaron ao Sporting Carballiño, que lles deu un impulso crucial. Dos seus 26 goles, 11 foron na casa e 15 fóra, sumando 2.408 minutos e recibindo seis amonestacións. O seu gol no último minuto contra o Sporting foi o que máis recorda.
Pola súa banda, Miguel Gándara acadou o seu primeiro trofeo Zamora nesta categoría, sumándose á lista de porteiros do club como Higinio, Jorge e Pachi. Encaixou 25 goles en 31 encontros, sumando 2.790 minutos. "Estou contento de conseguilo aos meus 30 anos, pero ademais fixemos unha boa tempada, sólidos defensivamente", comentou.
Gándara lembrou os inicios dubidativos da liga, sen gañar ningún amigable na pretempada, pero destacou a solidez defensiva do equipo. Tamén eloxiou o traballo do adestrador, Vitor Ferreira, "porque ao ser recentemente xogador sabe como tratar á xente". O porteiro mantivo a portería a cero en 13 partidos, e aínda que recorda o seu peor partido contra o Nogueira, destaca a súa actuación fronte ao Loñoá.
O meta tamén sinalou a Israel, do Sporting Carballiño, e Dani Real, do Córgomo, como os dianteiros máis complicados da categoría. Sobre a posibilidade de xogar de novo en Preferente, Gándara expresou o seu desexo de "gozar desta categoría onde case sempre xoguei porque é moi esixente".




