O Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV volve a Verín do 26 ao 31 de outubro para celebrar a súa décima edición. O evento retoma a súa actividade despois de que a edición prevista para agosto de 2025 tivese que ser suspendida debido á emerxencia provocada polos incendios forestais na comarca.
A organización do festival, que se viu obrigada a priorizar a situación de emerxencia, asegura que a pausa permitiu "poñer en valor todo o que hai detrás dun festival destas características". Dende a dirección reivindican "a importancia do apoio das institucións á cultura de base como unha forma de construír desde o territorio".
A programación deste ano inclúe as seccións oficiais a concurso, ademais de actividades paralelas para todas as idades. Destaca a proposta de Raquel Queizás para achegar o cinema á cativada, a colaboración co cineclube local Ordet con proxeccións e coloquios, e a convocatoria do Xurado novo para a mocidade.
A celebración culminará coa Gala final, que se concibe como un gran encontro de celebración coa veciñanza. A organización expresa as súas "mesmas ganas de celebrar estes dez anos e de seguir mirando cara adiante".
A programación detallada será desvelada nas vindeiras semanas a través das redes sociais e a web do evento, así como das canles oficiais do concello.




