As contas municipais para 2027 incrementan en 586.635,86 euros o orzamento inicial de 2026, o que supón un aumento do 3,65 %. O documento, debatido na sesión extraordinaria celebrada onte, obtivo 13 votos a favor dos grupos municipais do PSOE e do BNG e catro en contra do PP. O orzamento presenta o mesmo importe de ingresos e gastos e non prevé novas operacións de endebedamento, reservando 1.424.502,89 euros para a devolución do principal dos préstamos existentes.
Os investimentos representan preto do 24 % das contas, destinándose case un de cada catro euros a obras, equipamentos e melloras do patrimonio municipal. A maior dotación corresponde á partida da ponte da Preguiza e do tramo VI da Ronda Interior, con 1.985.282,79 euros procedentes de fondos FEDER. A mellora dos pavimentos contará con 636.663,71 euros, repartidos entre 334.000 euros para os núcleos rurais e 302.663,71 euros para vías urbanas. Tamén se destinarán 364.337,48 euros á escola infantil e 220.000 euros para compromisos económicos derivados da remunicipalización do servizo de auga.
Ademais do debate orzamentario, o Pleno aprobou tres proxectos técnicos relacionados coa mobilidade e co tratamento das augas residuais. O proxecto da nova ponte sobre o río Támega na Preguiza conta cun orzamento base de licitación de 1.738.939,01 euros e un prazo de execución de oito meses. Tamén se aprobou o novo vial entre a avenida de Laza e a rúa da Veiga, cun orzamento de 844.984,25 euros, e un proxecto de saneamento por 580.407,33 euros que inclúe a reparación de colectores e a construción dunha depuradora para o matadoiro municipal.
No ámbito económico, a corporación aprobou definitivamente a Conta Xeral de 2025 e un recoñecemento extraxudicial de créditos por 609.110,23 euros. O Pleno acordou tamén iniciar o procedemento de separación voluntaria da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín, co apoio do PSOE e do BNG e o voto contrario do PP. O acordo abre un proceso que inclúe un mes de información pública e deberá volver ao Pleno para a decisión definitiva tras un preaviso dun ano.




