A Consellería do Medio Rural informou este domingo do control dos incendios forestais en Riós e Moaña. No caso do lume pontevedrés, a superficie afectada é inferior a unha hectárea, polo que se considera un conato.
O incendio en Riós, que se iniciou o sábado polas tardes nas parroquias de Fumaces e A Trepa, afectou unhas 30 hectáreas. Chegou a activar a alerta de nivel 2 pola súa proximidade ao núcleo de Fumaces, chegando a pór en risco unha vivenda. Para a súa extinción mobilizáronse numerosos medios, incluíndo técnicos, axentes, brigadas, motobombas, pas, helicópteros e avións, ademais dunha brigada da BRIF de Laza.
Pola súa banda, o lume de Moaña comezou o domingo pola mañá na parroquia de Meira. Para combatelo desprazáronse axentes, brigadas, motobombas, un helicóptero e avións. Durante as horas de maior actividade, tamén se mantivo o operativo despregado en Riós, onde veciños colaboraron cos medios de extinción.
Mentres, o incendio de Lousame, na parroquia de Lesende, permanece estabilizado desde o sábado pola mañá. As estimacións actuais sitúan a superficie afectada arredor das 20 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción axentes, brigadas, motobombas, técnicos, pas, unha unidade técnica de apoio, helicópteros e avións.




