A iniciativa cultural, que combina espectáculos de circo, maxia, humor e música, atraeu a numerosas familias e público de todas as idades. As actuacións de Zirko Txosko, a Gran Gala Circo no Camiño, Uxía Lambona e a Banda Molona, e Galerock’n’Magic de Mago Teto, encheron a carpa de aplausos. Ademais, os pasarrúas gratuítos de Troula animaron as rúas da vila, conectando coa celebración do magosto local.
A pesar das condicións meteorolóxicas adversas, as pausas na chuvia permitiron o desenvolvemento de todas as actividades previstas, sacando o circo da carpa para integralo na vida da vila. A organización destacou a boa acollida e o entusiasmo do público de Verín, que acudiu de maneira masiva a esta primeira escala do proxecto.
Tras este exitoso comezo, Circo no Camiño continúa o seu percorrido por Galicia. A seguinte parada será Lalín, do 20 ao 22 de novembro, seguida de A Estrada, do 27 ao 29 de novembro, e de Santiago de Compostela, do 3 ao 6 de decembro.
Os abonos para os catro espectáculos baixo a carpa custan 10 euros por persoa, mentres que os pasarrúas son de acceso libre. A información e venda de entradas están dispoñibles en circonocamiño.gal. O proxecto conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia e do Xacobeo 2027.




