O titular de Sanidade explicou que, a pesar das folgas médicas contra o Estatuto Marco promovido polo Goberno central, o Hospital Público de Valdeorras realizou nos seis primeiros meses deste ano 1.221 intervencións cirúrxicas e 9.581 primeiras consultas. En consultas externas, o número de pacientes pendentes baixou de 3.113 a 1.669 (un 47% menos) e a demora media reduciuse de 87,5 a 49,8 días.
Con 49,8 días de espera, o Hospital Público de Valdeorras é o de menor demora en consultas de toda Galicia, 20 días por baixo da media autonómica. En cirurxía, a demora incrementouse en 3,5 días pola folga, pero o hospital é o cuarto con menor demora en Galicia e non ten pacientes agardando máis de seis meses para seren operados.
Nas probas diagnósticas, as esperas son de 12,4 días en radioloxía convencional, 41,3 en resonancias e 29,3 en endoscopias. Respecto á atención urxente, a zona de Valdeorras conta cunha ambulancia de soporte vital básico no Barco de Valdeorras, recursos en Trives, Viana do Bolo, A Veiga, Quiroga, Castro Caldelas e A Gudiña, ademais de dous helicópteros medicalizados e os recursos do hospital e PACs.
A rede de transporte sanitario urxente na zona recibiu 10.575 chamadas o pasado ano, xerando 3.873 servizos con ambulancia, 324 traslados medicalizados e 15 intervencións do helicóptero. Co próximo contrato, os dous helicópteros aumentarán horas e prestacións, e Galicia terá por primeira vez un helicóptero operativo as 24 horas, capaz de voar de noite.
En canto aos pacientes de silicose, lembrouse que existe un rexistro e unha consulta de pneumoloxía no Barco de Valdeorras, integrada na unidade de enfermidades pulmonares. Ata o 31 de agosto, pneumoloxía atendeu 583 pacientes e realizou 800 espirometrías, sen lista de espera.
A estabilidade do cadro de persoal mellorou, co 85% dos médicos (62 facultativos) con praza en propiedade e unha redución das vacantes do 30% ao 15%. A carteira de servizos do hospital amplíase con consultas de pneumoloxía, cardioloxía, neuroloxía, reumatoloxía, dixestivo e hospital de día oncohematolóxico.




